Bautista Álvarez naceu o ano 1933 en Loucía, pequena aldea da parroquia de Lás, no concello de San Amaro, perto do Carballiño. É o menor de tres irmáns dunha familia de modestos labregos.
Aos 10 anos ingresa no Seminario de Ourense, onde estudou Humanidades e Filosofía. O acceso a publicacións chegadas da diáspora arxentina e textos sobre o Estatuto de 1936 xunto coa represión lingüística alí vivida, servironlle para consolidar unhas teorizacións que até ese momento viñera interpretando como achádegos ideolóxicos meramente persoais. Posteriormente trasladase ao Barco de Valdeorras.
Participa como membro fundador da Unión do Povo Galego (UPG) o 25 de Xullo de 1964, sendo un dos que redactaría os famosos “10 puntos” programáticos. Nestes primeiros anos de vida a UPG era sobre todo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista centrado en Vigo e en Madrid especialmente.
No 1965 parte para Madrid, onde fai o servizo militar e inicia estudos de Filosofía e Letras na Complutense. É aquí onde entra en contacto coa colonia galega, na maioría estudantes. Será membro cofundador do grupo “Brais Pinto” de Madrid. Foi promotor e presidente do Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.
A principios de 1973 transladase a Vigo, entrando a traballar nunha empresa d´O Porriño. Nesa altura pasa a formar parte –dentro da clandestinidade política- do Comité Executivo da UPG. Perseguido durante varias veces polas forzas represivas, durante o estado de excepción de 1969 ingresa na prisión de Carabanchel, acusado de manter ideas “separatistas marxistizantes”. Morto o ditador é detido por participar nunha manifestación pro-amnistía en Vigo, no mes de decembro de 1976. Durante 1977, ademais de permanecer 15 dias no cárcere de Vigo e de ser procesado polo Tribunal da Orde Pública (TOP), pasou polos cuarteis da Garda Civil de Cangas, Verín e Pontevedra, tendo como consecuencia das bárbaras torturas sofridas unha rotura de costela. Presidente da Asociación Cultural de Vigo de 1975 a 1978. Sobre temas culturais e literarios ten colaboracións en varias revistas de ámbito estatal, destacando un ensaio sobre “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao, na revista Primer Acto. Sobre temas políticos son inumerábeis os artigos publicados en diversas publicacións nos últimos 30 anos.
A fins de Agosto de 1977, durante a celebración do Iº Congreso da UPG resulta electo Presidente, data desde a que ocupa este cargo até a actualidade sendo reelexido nos sucesivos congresos, o último o XIº en xaneiro de 2005 e formando parte ininterrumpidamente dos órganos de dirección deste Partido. Así mesmo participou na fundación do Bloque Nacionalista Galego, sendo membro da súa Comisión Permanente desde 1982 até o 2002. Na actualidade é o representante oficial da UPG no Consello Nacional da formación frontista.
Pronunciou conferencias sobre temas do país en numerosas asociacións da Galiza e do extranxeiro. Entre elas destacan as pronunciadas en Madrid, Barcelona, Xenebra, Zurich, Basilea e Rotterdam. Participou en simposios de política internacional do BNG, como na fundación da CONSEO (Confederación de Organizacións de Nacións sen Estado de Europa Ocidental) en decembro de 1985, representou por dúas veces ao BNG na London Dumping Convetion, na que se debateu o tema dos verquidos radiactivos na fosa atlántica a meiados dos 80.
Nas primeiras eleccións ao Parlamento galego celebradas o 20 de Outubro de 1981 sae electo deputado pola circunscrición da Coruña, sendo expulso do Parlamento, xunto cos compañeiros da coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG, Lois Diéguez Vázquez e Claudio López Garrido por negarse a prestar xuramento á Constitución española de 1978, con carácter retroactivo, pois xa levaban varios meses exercendo o seu labor como representantes nacionalistas. Volverá a resultar electo deputado pola circunscrición de Pontevedra na IIIª, IVª, Vª e VIª lexislatura. Sendo Vice-secretario da Mesa do Parlamento na IVª e Vice-presidente segundo na Vª.
No ano 2004, na celebración do 40 aniversario da constitución da UPG, este Partido promove a constitución da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasa a presidir desde o primeiro momento. Así mesmo son variados os recoñecementos á súa traxectoria intelectual e de compromiso social e político desde diversas instancias do país; un dos últimos foi o lograr o Iº premio Manuel María á dignidade nacional, entregado en marzo de 2006.
_ Intervención. XIII Congreso da UMG (Abril de 2006)
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2006
Congratulacións para a UMG por este congreso que acaba de celebrar. Por moitisimas razóns. A mais importante, polo rigor político das teses sometidas a debate. Xa quixesen as análises de organizacións con máis anos de tradición de gozar de tanta precisión. Resulta refrescante para min o reencontro cunha linguaxe que a literatura de esquerdas actual trata de edulcorar con eufemismos. Non morreu o capital. Segue a galopar, con máis brio se cadra, polos campos a ermo que outrora defensores da ortodóxia revoluciónaria abandonaron. Só na deserción e no desarme ideolóxico cabe interpretar como unipolar a situación mundial. Desapareceu o poder do adversário, cativo e refén do imperialismo, pero non definitivamente derrotado. A contradición entre os polos é cada dia a máis radical. O polo da explotación contra o polo da miséria, pois segue habendo oprimidos e opresores, segue habendo fame nunha parte e noutra o vómito provocado pola náusea capitalista. Tamén vomitou o império romano nos estertores da súa decadencia.
A que ven este exórdio para mín e para vós que, sendo marxistas, facemos do nacionalismo o baluarte fudamental da nosa loita? Precisamente por iso, por sabermos que a perda de soberania dos povos é produto da onda expansiva dos mercados. Non admiten estes fronteiras nen visados que poidan empecer a circulación de capitais. Non hai explicación posíbel para a dependéncia política sen unha correcta interpretación da economia. Os impérios clásicos tiñan na excravitude a ferrramente de traballo. O feudalismo trocou os escravos en vasalos e o capital comverteu os súbditos e cidadáns en clientela. Criou as colónias para buscar recursos e para expandir mercados. É o mercado o que mellor define a história da humanidade. Calquer outra explicación é unha representación onírica e distorsionada da realidade. Pola disputa de mercados naceu e pelexou Europa, e polos mercados resucitou no Tratado de Roma.
Sabemos de onde vimos, a onde nos diriximos e en quen non debemos confiar se queremos acadar os nosos obxectivos. Como cidadáns dun pais sometido axiña nos decatámos de que a depéndecia era produto da vorocidade do modo de produción reinante, que ademais de explotar a cláse proletária puxo ao seu servizo a economia dos povos oprimidos. Hai máis de dez anos que no congreso da UPG afirmámos, após o desarme ideoloxico dos reximes do Leste, que o centro da contradición ia gravitar sobre os países do Terceiro Mundo. En certa maneira preconizámos o retorno de Bolivar a Venezuela e a reencarnación do Che Guevara no Evo Morales de Bolivia. A que mundo pertencemos nós? Cuestión discutíbel que non se resolve coa integración ou exclusión das redes de alta velocidade, senón no papel que cada quen cumpre no sistema económico. Non variou este desde os Reis Católicos até a Unión Europea, que ten decretada a morte para a nosa capacidade produtiva. Morte benigna, iso sí, paliadas con miserabeis subvencións as dores da agonia.
Convenzámonos, camaradas. Non hai lugar para nós dentro dun sistema entendido este nun sentido integral e totalizador, que por eséncia é a antítese dos ideais e obxectivos que defendemos. Si por ventura existe algun nacionalista que non se decate desa contradición, ou está en bábia ou é un comediante. Por suposto que seria aberrante a sua presencia nos órgaos directivos dunha organización que loita pola emancipación nacional. As nosas relacións cos centros de poder son de combate e non de convivéncia. Quen compón a face para atrair a ollada lasciva dos medios de comunicación - controlados directa ou indirectamente por grandes grupos empresarias - está sacrificando o amor do povo por un imposíbel romance co sistema. Non está este para redimir cincentas, por ser o ríxido guardián da división de clases.
Coido que con esta interpretación temos suficientemente definida a ubicación do nacionalismo no panorama político internacional. Por contido e obxectivos - á marxe das bases ideolóxicas das que parte - sitúase na esquerda, unha categoría prostituida desde que nela se instalou a progresia e depositou os ovos grolos dun esnobismo acrítico e baleiro de contido. A esquerda revolucionária, antes loitadora, confórmase ás veces con ser simplemente rompedora. Non é a xuventude - quizás máis propensa por idade ao contáxio- a máis atacada polo virus progresista. Son as cabezas encanecidas dos que diluiron a aparente rebeldía de onte no servil conformismo de hoxe. Hai moitísimos moldes que romper. A Revolución Francesa rompeu a monarquia. A Rusa, o capital. Os progres actuais non atopan monarcas nen impérios que derrubar. Abóndalles coa revolución da vestimenta ou a revolución dos sexos. Novas ideas, todas elas moldadas nos vellos troqueis. Nestes viveiros xermola de vez en cando algunha organización non gubernamental, que veu suprir o papel que antes cumprian as damas da caridade. Que farian sen pobres as señoras aristócratas? Seguramente rezar novenas. Que farián as ong sen a explotación do terceiro mundo? Seguramente xogar ao críquet, por considerar o futbol - dada a sua práctica masiva- un deporte de plebeos.
Moito individualismo formalmente aparente que non deixa de ser un gregário seguidismo. Non sei apelar a un exemplo que pode tentarvos a considerarme un carca desfasado. Acepto o repto. Confio nunha militáncia que por fortuna se resiste a substituir a movilización polo botellón. Nos debates que este fenómeno provocou nos medios de comunicación, o argumento máis reiterado foi a defensa da liberdade da xuventude para programar as suas formas de ócio. De verdade credes na liberdade de programación? Na miña infáncia os rapaces de Loucia escolliamos para devertirnos unha partida de marro mentres os de Andrade xogaban á billarda. Ócio programado? Talvez si, trasmitido polos nosos ancestros. Quizais ideado polos moradores dos castros prehistóricos. En todo caso, subsistia a liberdade de escolla entre o marro ou a billarda. Que liberdade existe nun lecer programado para as mesmas horas, os mesmos dias, para o consumo dos mesmos bebedizos en destintans cidades situadas a miles de quilometros? Onde está o verdadeiro programador? Inxenuamente pensades que a unanimidade pode xurdir por xeración espontánea? Entramos xa nunha cuestión de transcendéncia relixiosa, que explica a exiténcia do mundo por impulso divino. Mesmo os ateos teran que relacionar o botellón cos intereses do deus Baco, divinidade que conta con abundantes devotos na nosa sociedade e coa que eu non teño motivos para ser irreverente.
Volvamos ao rego. Hai un só corolário para esta digresión. Nunca como agora foi tan omnímodo o poder do capital. Nunca tan xerarquizado e concetrando estivo o poder do seu estado maior. Non hai liberdade nen democrácia que non fose acoutada no seu curral. A loita contra o modelo económico imperante é a que a esquerda ten que librar. Pode ser máis ou menos radical, pero nela non caben os que sacrifican o sector público ao privado, os que xulgan a económia polos beneficios e non pola función social. Considero necesario deixar clarexado esta cuestión para afianzar os piares que fundamentan o noso problema nacional. Resulta evidente que non existe aquí unha burguesia autoctona, independente no seu funcionamento, capaz de liderar un proxecto de soberania politica. Van ser, entón, as transnacionais ou os poderes económicos españois os que xenerosamente renúncien ás suas rédeas de control para satisfacer as arelas emancipadoras de Galiza? A resposta é doada para quen ligamos a dependéncia coa loita de clases. Mesmo asi, apesar de acreditarmos no aval que garante o valor científico dos nosos plantexamento teóricos, estamos seguros de que no proxecto nacionalista poden e deben integrarse alternativas ideolóxicas complentárias e non diverxentes. Se me permetides auxiliarme de metáforas para dotar de rigor unha interpretación que sen maior explicación pareceria sectária, eu diria que neste caso están os que chegaron ao nacionalismo por impulso do corazón, via de acceso pola que entramos en prencípio todos nós. A diferéncia está en que os que afortalámos o sentimento patriotico co materialistmo histórico puxemos cabeza onde inicialmente só existia corazón. Aquí tendes a miña opinión sobre a fronte nacionalista, interpretación que pode parecer ousada pero non caprichosa. As batallas precisan de moito corazón. Só as gañaron os que puxeron as mellores cabezas no seu estado maior. Entendedes agora a zúnia anti-UPG que infesta a infame canalla anti-nacionalista?
Non se pode considerar decaida unha doutrina pola desapareción dun rexime que quizais a interpretou dunha forma trabucada. Si asi for, se o cesarismo do capital fose irreversibel, morta está a causa nacionalista. Estéril seria o desterro de Castelao, o martírio de Alexandre Bóveda, o asasinato de Moncho Reboiras. A semente de vencer, que o poeta atopou na tumba dos herois nacionais, non pasaria de ser unha metáfora romantica, infecunda é incapaz de florecer. Non é asi. Non vai poder a inxustiza abater a nosa esperanza. A proba de que non estamos dispostos a trocar en sumisión a rebeldia é a permanéncia nunha militáncia que non aspira a outra satisfacción que a de ser coerentes coa maneira de pensar e de sentir. Os moralistas chámanlle a isto a satisfacción do deber cumprido. Nós preferimos considerar a lealdade aos principios como garante dun vitorioso futuro. Non estamos sós. Dentro da Peninsula, o Estado desde a Idade Média ten aínda sen resolver o problema da sua estruturación interna. A solución racional - a que pedimos os que as mentalidades cartesianas da meseta denominan periféria- non satisface a un Reino e a un povo que se forxou en terras de secano. Non estamos sós, pois conosco ficaron o mar e o vento que Manuel Antonio cantou na sua poesia. Sen mar e sen vento ficaron eles. E ficaron sen razón, non sei se por caréncia de cerebro onde gardala. Non lles importa. Atoparon a maneira de suprila. En lugar da razón pouxeron o exército na nova constitución, a proba máis evidente do fracaso do modelo que defenden.
Estes son os poderes e as razóns dos españois que mateñen ainda saudades dun imperio fenecido, poderes aos que apelaba o Cardenal Cisneros, criador de milícias, e que acreditaba máis na artilleria que na autoridade do capelo. E onde están os nosos, os poderes do nacionalismo? Trabúcanse - xa o insinuei anteriormente- os que procuran conseguilos utilizando as fórmulas das que o poder se serve para reproducirse. A nosa forza está no pobo, frase que debe deixar de ser unha consigna para converterse en modelo de actuación política. Sei o que digo. Non se trata dun tópico manoseado nas tribunas eleitorais. É unha alarma de perigo activada por métodos que sacrifican as mensaxes criadoras de conciéncia colectiva ás servidumes do marqueting eleitoral.
Como nacionalistas que somos falamos no idioma propio do pais. Tamén debemos utilizar unha linguaxe depurada dos contidos ideolóxicos que os nosos adversários depositaron nela. Escoito a miudo, e ás veces tamén aquí, frases que encerran matices excluintes. Cando se usa a expresión de "nacionalismos e partidos democraticos" eu non sei se se pretende apartar aos violentos ou tamén aos que defenden un ideario diferente ao sacralizado no texto constitucional. Nos dous casos hai unha usurpación sectária do conceito. Pergunto eu aos sacerdotes da ortodóxia democrática se os alzados en armas contra a invasión napoleónica estaban dentro ou fóra dela. Aqueles herois que o pincel de Goya inmortalizou nos fusilamentos do 2 de Maio haberá que concluir que foron pioneros do terrorismo ibérico.
Linguaxe contaminada é seguir mantendo a dualidade de liberación nacional e liberación social. Cuestión esta que foi esclarecida xa nun debate nun Consello Nacional do BNG. O dualismo, implícitamente significa privar á loita de liberación nacional da sua dimensión social. Foi unha resposta - con certeza errónea - ás acusacións do marxismo mecanicista, que atribuia un carácter pequeno-burgués aos movimentos nacionalistas. Asi lle foi, incapaz de aplicar un discurso dialéctico ás revolucións que no Terceiro Mundo nacian como loitas de liberación nacional.
Non quero cansarvos. Só me resta animarvos a pór en prática as analises e resolucións que neste congreso deixades aprobadas. Máis que sorprenderme, satisfáceme a vosa madurez. Non foi inútil a loita dos nosos devanceiros, a dos camaradas mortos. Prescindindo do número de mozos que militan na UMG, comprobar que está en pé unha xeración disposta a sacrificar aos ideais as ambicións persoais, precisamente nun momento no que estas están amosando o poder de corrupción, representa para nós, os que xa nos atopamos máis proximos ás portas do alén, a satisfacción de non partirmos cunha sensación de fracaso.
Viva a UMG!
Viva Galiza Ceibe!
_Discurso de Bautista Álvarez no XIº Congreso da UPG
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2005
Militantes e simpatizantes da UPG,
delegacións convidadas,
amigos presentes neste acto de clausura,
recebede todos os nosos saúdos cordiais.
É o congreso que acabamos de rematar un acto máis da celebración do cuarenta aniversário da fundación do noso partido. Quero retomar algunhas ideas que neste mesmo lugar espuxen o 17 de Agosto, e que nos poden dar azos para continuar a loita que iniciamos no 1964. Xurdiu a UPG como resposta á dependéncia cultural, económica e política do noso país, para dar continuidade á tarefa emprendida polo nacionalismo anterior á Guerra Civil. Eran tempos difíceis, como retratou Celso Emílio na “Longa Noite de Pedra”. A ditadura franquista, inimiga de liberdades e direitos democráticos, acentuaba a sua hostilidade contra actividades e ideas que cuestionasen o dogma imperial da sagrada unidade da pátria española. Para os militantes que descoñezan aqueles tempos obscuros pode significar unha surpresa descobrir que o anterior Presidente de Cataluña, Jordi Pujol, pasou pola cadea por protagonizar un acto de protesta no Teatro Colón de Barcelona, consistente no canto de “El segadors”, hino nacional daquela nación. Asi era un rexime xurdido non dunha guerra nen dun golpe militar, senón dunha cruzada. Unha cruzada para combater a herexia marxista e separatista. Sobre todo esta, por atentar contra a eséncia dun imperialismo fracasado.
Naquelas batallas forxouse o temple do noso partido. Se existen hoxe sindicatos nacionais en Galiza, algo terá que ver a UPG co seu nacimento e promoción. Se houbo ensaios, a maioria fracasados, de articular sucedáneos de políticas nacionalistas autóctonos, foi como resposta á indución exercida pola Unión do Povo Galego. Mesmo a premura coa que os partidos españois engadiron o “gue” para actuar en Galiza, desde o PC ao PP pasando polo PSOE, foi para simular unha mensaxe de compromiso co país que só unha opción nacionalista coerente podía monopolizar. Non me extendo. Quizais o mérito máis salientábel foi o esforzo, sacrifício, impulso e renúncia realizados para conseguir a unidade orgánica do nacionalismo galego, garantia presente para acadar no futuro a pátria que arelamos. Pode desaparecer a UPG como partido. Os seus froitos teñen xa unha páxina na história. Procurei condensar nestas liñas unha referéncia obrigada no coarenta aniversário da fundación do noso partido.
Por nacionalistas e demócratas loitamos na ditadura. Por nacionalistas e demócratas seguimos loitando na actualidade, pois non existirá democrácia mentres non desapareza o delito de reclamar a liberdade e os direitos das nacións. Como delito os xulga unha Constitución que lle encomenda ao exército a misión de combater os movimentos de liberación. O chovinismo español entronizou como dogma a intanxibilidade do Estado unitário herdado da Raíña Católica, usurpadora do Trono de Castela. É pecado todo o que non sexa venerar o dogma, e no pecado está o terrorismo e a violéncia. Unha mentalidade atrapada no ideário de Felipe II non comprende o nacimento en Europa de novas nacións escindidas de vellos Estados. O parto de Ucránia, Eslovénia, Eslováquia, foi un parto sen dolor. Non exístiu aqui violéncia. Haina en Chechénia, porque o talante imperialista de Rúsia non utilizou con esta nación a mesma xenerosidade e toleráncia que tivo con Xeórxia. O terrorismo é património do império. Co nacionalismo está a paz e a democrácia. Foi o Portugal de Abril quen puxo fin á guerra imperialista que a ditadura de Salazar mantiña nas colónias africanas. Comprendo que os referentes históricos aducidos non sexan de plena aplicación no contexto do Estado español. Non van tan alá as aspiracións das nacións que o integran. Confórmanse coa remodelación da estrutura estatal de maneira que garanta o respeito ás soberanias nacionais. Por iso mesmo resulta máis censurábel a intransixéncia cesarista do españolismo.
O noso ideário nacionalista insírese nun pensamento humanista que aspira á transformación da sociedade. Entrámos no cenário político nunha época na que a progresía universitária vestía a casaca verde do Che Guevara. Pronto abxurou esta progresía da casaca. Instalada na ideoloxía do sistema, converteu a palabra “revolución” en anatema. Pasamos por iso. Renunciamos, se for preciso e así nolo demandan, a introducir os cámbios através da cirurxia revolucionária. Sobra o léxico se permanecen os contidos. O que non estamos dispostos é a sacrificar a función transformadora, esencial nunha alternativa que aspira a ser a conciéncia lúcida da sociedade, unha sociedade que non vai ben polo camiño que a levan. Somos minoria por sermos fillos e valedores dun povo marxinado. Non podemos servir aos oprimidos aspirando asemade a merecer os parabéns dos opresores. Non esquezamos que o avance da história fundaméntase na contradición, e dela derívase a teoría que inspira o noso pensamento político.
Semella ás veces que na confrontación dialéctica sacrifícanse os princípios elementais da lóxica. Cando utilizamos, por exemplo, a utopía conciliadora do interclasismo. Resulta axiomático que non se pode conciliar o ser coa sua negación. Non haberia enriquecimento do patrón se non existisen as plusvalias dos obreiros. A miséria do Terceiro Mundo ten como antítese o despilfarro belicista do imperialismo. ¿Qué facemos entón –perguntaredes- promovendo, integrando e apoiando unha fronte compartida pola maioria das clases sociais do país? Porque nós acreditamos na alianza das clases agredidas polo mesmo inimigo. Na loita por melloras salariais non caben nunha mesma alianza o obreiro e o patrón, por ser esta unha alianza antitética interclasista. Caben, si, os labregos, mariñeiros, pequenos comerciantes, empresários autóctonos, expoliados todos eles pola mesma explotación colonial. Por non ter en conta este axioma fracasou aqui unha esquerda de importación. Podemos fracasar nós se importamos análises políticas non acaídas á nosa realidade. Dela debemos tirar as ensinanzas e critérios de actuación. Nas eleicións, nos referendos, nas mensaxes partidárias, debemos pensar e actuar como colónia, non cos critérios que nos insinuan os entregados á mentalidade do império.
O éxito do nacionalismo depende da sua firmeza, tanto ideolóxica como organizativa. Se fallan os princípios derrúbase o edifício. A alianza de clases integradas na fronte patriótica foi a forma de loita utilizada en todos os países dependentes. Nunca estes seguiron o modelo dos partidos tradicionais das metrópoles. Xa que logo, optar pola segunda alternativa, a da metrópole, significa o início dunha desviación sospeitosa. Fagamos entre todos o que é património de todas as clases, reservando o papel dirixente para aquela que por ser a máis agredida se situa na primeira liña do combate.
Somos de esquerdas, claro está, por selo por definición un nacionalismo coerente. Pero non temos grande interese en utilizar un calificativo político prostituído desde que nel se acobillan moitos partidos burgueses. O noso bando non é o da social democrácia, nen moito menos o dun Blair comprometido coa guerra imperialista. Non abonda con sacar da sacristía á sociedade para diferenciarse da direita. A da aconfesionalidade pudo ser a loita revolucionária do século XIX. Antes e agora a liña divisória ven marcada polo posicionamento a respeito do sistema político imperante. Hoxe, polo cuestionamento ou non do modo de produción capitalista. Os esquerdistas actuais, que inclusive se chaman progresistas, son os valedores dunha monarquía que a Revolución Francesa levou á guillotina. Son os que restauran fastuosas vodas principescas financiadas co diñeiro público. Que non faria un Robespierre resucitado entrando a vergallazos no templo da modernidade!.
Dá a impresión a nova esquerda de ser unha direita acomplexada e vergoñenta de si mesma. Se claudica no simbólico, que non diremos da subordinación humillante co capital!. Nada de sector público da economía. Nada de pór trabas e domesticar os monopólios. Nada de heterodóxias socialistas. O Tratado de Roma, pai da Unión Europea, condenou hai tempo esta herexia. Esta esquerda é a que nos ten convocados a participar nun auto de fe no próximo referendo. É a que lle censura ao BNG as suas alianzas cos nacionalistas de Euskadi e Cataluña. Por qué razón?. Simplesmente, por ser unha esquerda imperialista. Renunciamos, pois, a utilizar o calificativo que vos prostituistes. Abóndanos a nós a identificación nacionalista. Con ela combateremos para restituirlle ao povo a sua identidade. Para subordinar os monopólios e someter o capital ao servizo do próprio desenrolo. Ficade vós coa modernidade, competitividade e produtividade, os grandes ídolos da triloxía neoliberal por vós venerados. Seguide a discutir pola máis acaída xestión do PIB, mentres virades as costas aos reximes do Terceiro Mundo máis comprometidos coa revolución social.
Nesta situación non é censurábel ser minoría. É un deber de honestidade política, cando entre os valares escollidos para a apresentación en sociedade prevalece a prestáncia física sobre os contidos éticos e intelectuais. Antes os liderados nacían da loita do povo. Procúranse hoxe na cor da garavata, na feitura do fardelo, na esbeltez da figura. Pensa alguén que nas últimas eleicións americanas foi a diferéncia duns centímetros de estatura a que lle deu a vitória ao candidato republicano. Ignoro eu a veracidade desta opinión. Inclusive a considero insidiosa, tendo en conta a talla de auténticos ananos de ambos políticos. Mesmo asi, tanto ali como aqui, as campañas eleitorais estánse a converter nun concurso de misses. Quizais, se non fose por iso, as eleicións perderían atractivo e desaparecerian, non por golpes de estado senón por propria inación.
Non é a primeira vez que tomo emprestada unha opinión do anterior President de Cataluña. Mentres outros falan de programas –afirmaba el- nós temos proxectos. Eis o carisma do nacionalismo: a posesión dun proxecto. Suprimido este, a confrontación política fica reducida á discusión das técnicas máis eficientes para a consecución dos idénticos obxectivos, nunha linguaxe accesíbel só por iniciados: o PIB sobe, a renda per capita devece, a balanza de pagamentos equilíbrase. Que pensará de todo isto o vagabundo que eu atopaba durmindo todas as mañás deste xiado nadal no paso subterráneo que comunica as duas bandas da rua de Alcalá frente ao Parque do Retiro madrileño? Porque, amigos, na sociedade da opuléncia cada día existen menos espazos para albergar vagabundos. E non é por falta de pontes. É polo incremento de inquilinos.
A digresión, talvez necesária, non quero que me arrede da idea central que vos quero transmitir. A nosa forza depende da existéncia e consisténcia dun proxecto transformador da sociedade, para un día converter en hexemónica a que empeza por ser unha aspiración de minorías. Podemos fracasar. Non acreditamos en dogmas nen profetas. Pero partiremos xa derrotados se nos deixamos vencer pola opinión dos que manteñen un proxecto diferente. Se prevalece en nós a preocupación de non anoxarmos aos que pensan doutro xeito, xa estamos pensando coma eles. Se temos vergoña ou nos acañamos en defendermos pública e coerentemente a soberania do noso país, fagámonos rexionalistas. Retiremos o direito de autodeterminación dos princípios ideolóxicos. Borremos do hino a “nación de Breogán”, ese fogar dos nosos antergos arrulado polos versos de Pondal. Os guerreiros utilizan as trincheiras, non as catacumbas. A liberación dos povos non ven nunca por benzón divina. É tarefa encomendada á espada da milícia.
Gostaría de seguir debullando unha idea para min cardinal e preocupante neste momento. Afórrame o traballo a madurez ideolóxica de toda a militanza da UPG, madurez que non permitirá, teño a certeza, converter a memória de Castelao, de Alexandre Bóveda, de Moncho Reboiras, de 40 anos de loita do noso partido, converter –repito- en arqueoloxía política. Son eles os únicos referentes para nós, non os que nos aconsellan sacrificarmos o pensamento á modernización. Xa foron estes retratados e ridiculizados por Castelao nos “Cincuenta homes por dez reás”. Son os que preferen a pucha ou o toucado ao contido da cabeza. O espello que nos poñen por diante é o mesmo que utilizaron os conquistadores europeus para engaiolar os índios. Tamén a história xustificou o seu extermínio por esixéncias da modernidade. Comprobamos, pois, como a terceira persoa da trindade neoliberal ten pouco de moderna e moito de xenofóbia. Modernidade que vai orixinar, segundo proxeccións estatísticas, a desaparición en vinte anos de grande parte das 30.000 parróquias galegas. Galiza está morrendo. Arrepiante premonición. Galiza está morrendo, compañeiros, pero non debemos preocuparnos pola sua defunción. Os valedores de Bruxelas e Madrid estánlle a preparar un enterro de primeira.
Contaremos nas exéquias con representación europea. É un deber do protocolo. Inclusive poida que reserven nos orzamentos comunitários unha partida para gastos do enterrador. Era un costume frecuente entre os pistoleiros do Oeste americano. Toquei Europa, pero non quero determe en comentar a posición tomada desde sempre a este respeito polo nacionalismo galego. Algo si quero engadir como expresión exclusiva da miña opinión. Non sei por que razón temos que acompañar o rexeitamento ao Tratado da Unión, sometido moi pronto a consulta popular, cunha profesión de fe europeista que ninguen nos solicita. Home, como tal fe podemos entendela. Consiste esta en crer o que non vimos. Vistes outra Europa que non sexa a que enxendraron no Tratado de Roma os mercaderes? É a única que aparece institucionalizada como tal. Todo o demais é só unha simples referéncia xeográfica. Inclusive os mitos comuns utilizados como referente identitário teñen a sua orixe no continente asiático. A única identidade compartida está no euro. Os eurócratas queren converter nunha nación unha moeda. Son os que adoran o becerro que fabricaron os xudeus na travesía do deserto.
Reparade. Fai uns dias televisouse unha gala adicada aos nenos do Terceiro Mundo para enviarlles xoguetes de nadal, como se a urxéncia máis importante dos nenos famentos fose xogar coas brincadeiras fabricadas por “Famosa”. A campaña apoiábase coa transmisión de imaxes de picariños esqueléticos, relosos, esfameados. Non foi para min o máis preocupante. Foi a carraxe de ver un espetáculo animado por presentadoras –artistas coñecidas- que levaban en ferraxe máis dun cuarto de millón pendurado en cada man, convertendo o que aparecia como labor humanitário nunha farsa. Hai no mundo máis de oitocentos millóns de persoas que pasan fame. A metade da Humanidade vive con menos de dous dólares diários. Europa ten nas suas fronteiras o desembarco e naufráxio de “pateras” que foxen da miséria. Non obstante, limítase a produción, e diso algo sabemos en Galiza, limítase, porque o nível de penúria dos miserentos non acadou aínda a categoría de compradores para poderen eliminar os excedentes. As galas non van rematar cos problemas que o sistema orixinou. Tampouco o vai resolver a hipocresía do 0,7 de nengunha ONG. Hai transnacionais que obteñen uns benefícios anuais moi superiores aos que serian necesários para alimentar aos que viven no límite da subsisténcia. A solución, visto é, parece clara. Converter os excedentes de explotacións en expedientes de expropriación.
Un comentarista político, de pasada e coñecida militáncia na direita, censuráballe ao BNG a postura de rexeitamento da chamada Constitución europea, xa que esta serviría de baluarte para defendernos do imperialismo americano. A sua argumentación deume que pensar. Nada mellor que botar man do simbolismo da estátua da liberdade. Velaí as miñas conclusións. A miña limitada formación cultural non me permite saber cal dos dous monumentos foi erixido con anterioridade: o que en Paris semella navigar polas augas do Sena, ou que dá a benvida aos barcos estranxeiros que arriban a Nova Iorque. Estremo sen importáncia. O máis significativo é a identidade das duas esculturas, xemelgas na forma e no que simbolizan. O humor de Castelao ridiculizou á neoiorquina substituindo o facho por un xelado. Coido que a ironia do noso escritor captaba xa a hipocresia con que o capital interpretou a liberdade. Nen facho nen ice cream. O máis axeitado é unha bulsa chea de moedas. Non van pelexar, pois, esas duas matronas que comparten identidade de obxectivos.
Xa sei que esta paródia –irreverente se queredes- vai provocar as iras dos que consideran a UPG a reserva prehistórica do nacionalismo galego. Por suposto aqueles a quen manca a existéncia de nacionalistas en Galiza. Son os que nos tentan coas exceléncias da renovación, que nunca será suficiente mentres nen se convirta en traizón ao próprio ideário. A distáncia ideolóxica que nos separa destes asesores é a mesma que existe entre eles e máis nós. Quen ten que facer o itinerário de aproximación? Daremos dous pasos nós cando eles dean un. Mentras tanto renunciamos á vida regalada do can domesticado, porque non debemos trocar a rebeldia en submisión.
Claro que estamos a nadar contra corrente. Debemos facelo, por asumirmos o papel de conciéncia crítica da sociedade, que, autocolonizada, vai ao rabo dos que turran por ela desde fóra. Se renunciamos á función transformadora sobramos en política. Abondan xa os que fixeron desta virtude solidária unha profisión. Para isto as ideas son un lastre. Importa máis a técnica adquirida nunha escola, non na militanza. Se por cobardía ou oportunismo renunciamos á confrontación dialéctica, se nos deixamos levar pola dirección que nos marca a onda, somos nós quen sairemos transformados por aquilo que pretendemos transformar. Non esquezamos o princípio fundamental da filosofia dialéctica. O avance da história prodúcese como resultado da tensión entre forzas contrapostas. Non se activa o motor que recebe un só tipo de corrente polos fios condutores. É sacrificado, pero necesário, ser a antítese nesta confrontación. Por iso dixen nun parágrafo anterior que a liberación dos povos é unha tarefa encomendada á espada da milícia.
É fundamental, neste sentido, intensificar a formación política da militanza nacionalista. Non se trata de retornar aos métodos didácticos impartidos na época da clandestinidade. Novos tempos esixen renovadas pedagoxias. Paréceme a min o antídoto máis eficaz para defendernos da absorbente axitación que o sistema realiza, principalmente através dos meios de comunicación. En auséncia de critérios e referentes internos corremos o risco de deixarnos engaiolar por modelos que por princípio debiamos rexeitar. Chegaremos a fabricar e idolatrar o becerro ao que anteriormente me referin con distinto sentido metafórico. Non é a miña unha preocupación carente de base. Atópome ás veces militantes refractários ás decisións partidárias, non por falta de lealdade coa organización, senón polo complexo inoculado desde fóra, frecuentemente polos profisionais das tertúlias radiofónicas, que igual emiten inapelábeis vereditos sobre cuestións xurídicas que se enzoufan no lixo removendo amores, adultérios e cornamentas de famosos. Para correxir a caréncia que boto en falta, preciso seria comezar por facer dos órgaos de dirección foros de debate político, relegando a segundo lugar a toma de decisións executivas.
Hai un drama no falso dilema de ter que escoller entre o que se considera correcto e o que agrada á prensa. Non existen solucións intermédias. O que empeza en drama seguro que vai rematar nunha traxédia: ou na entrega con armas e bagaxes ao exército inimigo, ou no esfarelamento dun proxecto que recebemos dos nosos devanceiros e que temos o deber de transmitir intacto aos sucesores, pola sinxela razón de ser este un património do povo. Renunciar ao que é de un pode constituir un erro, pero é unha lexítima opción individual. Dilapidar o património do povo significa unha traizón. Os militantes da UPG, con cuarenta anos de história, superamos xa a adolescéncia política. Temos consolidados os amores –monogámicos, por certo (e perdón ao feminismo por permitirme unha licenza motivada por esixéncias da metáfora)- e reservamos portanto as carantoñas exclusivamente para aqueles que temos o deber de cortexar.
Temo cair na reiteración remoendo nas mesmas ideas que desde o princípio da miña intervención constituen o eixo do meu discurso. Dame a sensación de estar xirando arredor un prisma ao que quero interpretar desde distintas facetas. Nunca intentei –e moito menos agora- sentar cátedra coas opinións particulares. En todo caso, non sería lexítimo facelo na fase que o congreso situa fóra do debate. Se algun valor teñen é a de seren simples confesións de penitente. Fago a observación para que das miñas palabras non se deduzan intencionalidades ocultas. Lembrade a malévola interpretación da parábola das “azas emprestadas”, entresacadas da intervención que tiven na asemblea do BNG celebrada en Ourense, na que alguén quixo ver unha crítica velada do noso partido á Declaración de Barcelona, precisamente da UPG que sempre foi impulsora e liderou as alianzas nacionalistas. Nada que facer cos que sempre nos ollan coas lentes afumadas dos preconceitos. Estes dias, co gallo da celebración do congreso que hoxe clausuramos, fomos obxecto dalgun interese por parte dos meios de comunicación. Máis que para darnos protagonismo, para furgar na procura de inexistentes contradicións coa liña seguida polo nacionalismo galego. Ou para meternos como peza do debate histérico, obsesivo, que desde o Estado vai dirixido contra o Plan Ibarretxe. Está xurdindo unha nova confesionalidade, inspirada no libro sagrado da Constitución e simbolizada na única bandeira entronizada e venerada na madrileña Praza de Colón. O renovado fervor españolista préstase a ironizalo coas máis variadas caricaturas, tentación que debo evitar para non desviarme dunha idea que vos quero expor. Algún xornalista suxeriunos nunha roda de imprensa que a nosa posición a respeito da chamada Constitución Europea podia arredarnos da opinión maioritária. Entre os argumentos ao noso favor hai alguns xa implicitamente tocados ao longo desta intervención. Interésame agora un aspecto abondo ilustrativo. Sabemos, polas sondaxes coñecidas, que existe unha esmagadora maioria a prol do si no referendo. Nada que obxectar. O preocupante é o descoñecimento que esa mesma maioría manifesta a respeito do texto que van someter a consulta popular. Que se está cuestionando, entón, do voto negativo que os nacionalistas promovemos? O de non estarmos cos que integran o bando maioritário da ignoráncia? Non quero eu aplicar tan cruel interpretación por respeito a un povo no que os instrumentos do poder están a fomentar o acriticismo. É a porta de acceso para introducir as tiranías. Por iso as ditaduras comezan sacrificando a intelixéncia. Lembrade o reto de Millán Astray na universidade de Salamanca. Lembrade os mártires da barbarie chilena ou arxentina. Para o dogma militar non hai outra razón que a razón do sabre.
A conclusión á que quero chegar é moi sinxela. Ainda que non lográsemos persuadir a ninguén cos nosos argumentos, estamos contribuindo á causa da liberdade e da democrácia polo mero feito de introducirmos na sociedade un debate que serve para activar o espírito crítico da mesma. Abondaría con isto. Reitero aqui o princípio da contradición dialéctica, fundamental para lograrmos a revolución coas ideas e non coas armas. Máis que políticos somos pedagogos. As reaccións químicas, que provocan un cambio cualitativo no estado da matéria, son produto da combinación de elementos diferentes. Moitas destas mutacións teñen orixe na actuación espontánea das forzas naturais. Pero a ciéncia conseguiu provocalas tamén coa introdución de reactivos nas probetas de laboratório. Proclamámos hai pouco, na apertura e clausura do congreso, a condición de “ferreiros dun mundo mellor”. Está no hino dos traballadores. Ferreiros, e tamén alquimistas se queredes. Cos reactivos apropriados forxaremos a Galiza nova do futuro e devolverémoslle o ouro que lle furtou a dependéncia.
Ferreiros, alquimistas, axitadores ideolóxicos, vaia perspectivas que lle abrimos á mocidade militante! Sei que isto non constitue motivo de preocupación para ela, pois se algo caracteriza á xuventude é a sua entrega e altruista xenerosidade. Son os únicos valores dos que non podemos gabar: valores pouco atractivos para os escaladores dos partidos do poder. Para nós –díxeno antes- a militanza significa unha milícia. Milícia inclusive na representación institucional que o povo nos entregou. Cobízana outros por valerlles de profisión remunerada. Adoran o santo, non por devoción senón pola angarela. Para os que aspiramos a ser forxadores do futuro é un acto de servizo. Converter en obxectivo o que é só ferramenta constitue unha traizón. Se como tal servizo consideramos esa representación, resulta gratificante atopar no retiro o merecido descanso do guerreiro, recebido como prémio e non como castigo. Hai que dar o relevo aos aguerridos loitadores que temos na reserva. Entendédeme ben. Aguerridos loitadores implica computar o tempo de permanéncia na primeira liña de combate, que nunca se debe sacrificar ás ambicións do oportunismo.
Remato a miña intervención clausurando o congreso do cuarenta aniversário do Partido. Intentei un ton didáctico –dubido de o ter conseguido- entresacando do pasado, que atravesou diferentes etapas históricas, aquelas ensinanzas que nos poden garantir polo menos outros cuarenta anos de futuro. Hai unha que non mencionei. A fe na nosa vitória. Vitória difícil, pero certa. Ela é a que foi redimindo parcelas e devolveu a liberdade a moitos povos asoballados. Algun dia o facho da liberdade alumeará tamén no fogar de Breogán.
Viva Galiza Ceibe!.
_Intervención no Día da Galiza Mártir en Pontevedra
17 de agosto de 2003
Son moitos os aspectos salientábeis na vida de Alexandre Bóveda, curta no tempo pero fecunda na sua transcendéncia política. Cúmprese hoxe o sesenta e sete cabodano do seu asasinato. A família nacionalista rendeulle homenaxe no cimetério de San Mauro, ao pé da cova na que o mártir da liberdade de Galiza soña coa redención da terra que recolle as suas cinzas. Os hérois non morren. Os hérois dormen arrulados pola lenda, un sono que os vai transportar da história á tradizón. É esta unha versión, se queredes poética, das palabras de Castelao que figuran na adicatória da biografia de Bóveda escrita por Alvarez Gallego. No camposanto de Pontevedra non veneramos un cadáver. Sabemos nós, os nacionalistas, e saben eles, os membros da tribo que o fusilou na Caeira, que ali está depositada unha semente. Por iso, por ser semente, é polo que a Galiza oficial que resiste na Xunta e na Deputación se nega a honrar a memória de quen pode fecundar o renacer da Galiza que quixeron fusilar no 36. Intento inútil. Esa Galiza comeza a florecer en Poio onde naceu, e na cidade na que Bóveda morreu e traballou.
Se admirábel foi o valor que o levou ao paredón dos golpistas, non menos exemplar foi unha vida que renunciou ao reclamo da Corte para adicala por inteiro ao país. Non é a primeira vez que eu interveño neste acto de lembranza do mártir galego. Tampouco hoxe vou esquecer referirme a un xesto que o noso povo ten que agradecerlle. O alto cargo que Madrid lle bridaba no Ministério da Facenda ao brillante opositor non conseguiu dobregar a sua vocación pola Terra. Actitude inestimábel nun tempo no que abondan e prevalecen os egoismos persoais. Contrapoñamos esta conduta á dalgun persoeiro oriundo que agora reloce no governo do Estado, confesando nas primeiras declaracións que a chamda das instituicóns españolas representaba un ascenso na sua carreira política. Que bo vasalo se houbese bo señor! Que diferénica substancial entre os que serven a Galiza e os que se aproveitan dela! Os que se aproveitan dos seus votos para engadir un trofeo ao palmarés. Neguémoslle aqui acobillo a desertores que porcuran o retorno para exercer de embaixadores de Madrid e non de portavoces do país.
Pero, entremos na derradiera leición do mestre. Outra vez apelo á inspiración de Castelao, unido a Bóveda nos ideais e na desgrácia. Con sorte diferente, os dous escreberon co sacrifício unha páxina na história. ¿Quen aldraxa o nacionalismo por consideralo perversor dos princípios democráticos? ¿Quen o agrede arroupándose na bandeira constitucionalista? Os herdeiros ideolóxicos daqueles que no 36 capturaron a Bóveda no Governo Civil de Pontevedra baténdose ardidamente na defensa do ordenamento xurídico da República democrática. Non cabe dúbida de que o sangue que a reacción derramou na Caeira foi un atentado á identidade nacional de Galiza e ao seu autogoverno. Pero significa tamén unha vil agresión á democrácia. Rexietamos a adxectivación exculpatória que se utiliza de perdoa-vidas cando se fala de “nacionalismo democráctico”. O nacionalismo, por definición, é democrácia. Non existe democrácia que poida albergar imperialismos. A democrácia é incompatibel coa opresión dos povos, coa rapiña económica, coa eliminación de línguas e culturas.
Esta reflexión ven a conto no momento que cunde a falácia de contrapor valores constitucionais e democráticos aos movimentos patrióticos. Hai exemplos que nos tocan moi de perto. Quen o diria de quen serviu e lexitimou o anterior rexime arguíndo que tiña o aval das baionetas! Tan brutal exabrupto figura estampado en letra impresa. Quen o diria de quen bradou na comisión redatora contra o artigo segundo e o título octavo da Constitución! Vaia pais con que conta a Carta Fundamental! Sabedes que o artigo segundo, aínda que de maneira ambígua, recoñece o conceito de nacioalidade, e o Título octavo contén a previsión dos Estatutos de Autonomia. Jordi Pujol, en conversa informal ironizaba con estas incoeréncias do Presidente da Xunta: “Moi pronto aproveitou a cadeira autonómica para demorar a xubilación política”, afirmaba el.
Que pena que a que tiña que ser cadeira de xubilación a convertese en freo para embridar o noso autogoberno. Para alonxar o Estatuto da España rota denostada, con Calvo Sotelo, pola direita española. Que non se deduza destas palabras pretensións radicais, aspiracións maximalistas. Se asi fose, non me alporizo, pois no maximalismo está a perfeición. Non é esta a miña interpretación,nen moito menos a do nacionalismo galego. Para eles, remper España significa demoler a conceición chovinista e imperial que da mesma teñen. Non queremos nós pertencer a unha España de uniforme. Deixamos de ser colexiais e non somos militares. Para nós significa fundamentar a unión en modelos acordes coa estrutura plurinacional do Estado.
¿Quen mellor que Alexandre Bóveda para receber a distinción de fillo adoptivo da província de Pontevedra? ¿Non padeceu acaso o martírio para declarar como símbolo da Galiza Martir a data do seu pasamento? As maiorias reaccionárias da Deputación e da Cámara autonómica deshonráronse negándolle a Bóveda a honra que merece. Vou permitirme a paródia dos versos de Machado: “Una de las dos Españas ha de helarte el corazón”. Hai unha Galiza que lle xia o corazón á Galiza que exerce como tal. Non hai medallas para esta nun país governado por un xefe medalleiro. Son profano na matéria, pero teño unha teoria persoal da metalúrxia das condecoracións. “Se non é vero, e bene trovato”.Supoño que están vinculadas á tradición castrense. Daí o debezo por elas dun militar frustrado como Fraga. O exército actual substituiu a cota de malla que cubria o peito dos guerreiros medievais pola litúrxia das medallas. O peito dos xenerais cotízase hoxe non polo valor, senón polos quilos de metal que levan pendurados da guerreira.
Se asi o vemos, debemos restarlle importáncia ao aldraxe que nos infrinxiron outorgándolle a máis alta condecoración de Galiza ao Ministro responsábel do afundimento do Prestige. Mentres o crespón do chapapote enloitaba as costas da Fisterra, o señor Cascos andaba de caceria. Mentres as mulleres mariñeiras choraban na praza do Obradoiro pola morte do mar, o señor Cascos andaba de caceria. Que cámbio de tempos! Antes as viuvas de Carnota puñan loito polos maridos afogados. Agora foi o mar o que afogou. Afogou polas cacerias de Cascos, polas cacerias de Cuiña, polas cacerias de Fraga. Afogou tamén pola plastilina que o señor Raxoi sacou da cabeza do Delegado do Governo. Temos que entender, xa que logo, que a condecoración foi debida a méritos cinexéticos. Unha mútua recompensa concedida por camaradas de safari. Nunca cazador ningun cobrara unha peza de tanto valor. Dun soio tiro abateu as costas do Atlántico, nas que Deus puxera os dedos para imprimir fermosura, na que puxera o peixe e o marisco para tirar a fame das bocas de milleiros de famílias. Que Deus que as criou que as colla confesadas.
Na morte, perseguizón e xuício sumarísimo de Bóveda aparecen apelidos que gozan aínda de predicamento nos tempos actuais. Un compañeiro nacionalista, funcionario na burocrácia de Bruxelas, comentábame o feito de ser España o único país europeo onde non existe unha extrema direita identificada politicamente como tal. Porque foi deglutida e integrada en partidos en aparéncia demócratas. Os Le Pain españois governan e apoian aos xenocidas do Iraq. Admiran a Bush os seguidores dos que antano dialogaban con Hiller en Hendaya. Non son derrotista. Non quero ser maniqueo nen dogmático simplificador da história. Pero a veces teño a sensación de viver nunha democrácia herdeira daquela ditadura. Cando se restauran mitos xa enferruxados. Cando no ensino se substitue o pensamento científico polo pensamento único. Cando se levanta o fusil dialéctico para combater os nacionalismos. Cando se converte a Constitución en catecismo. Cando na praza de Colón de Madrid se decreta un novenário para rezar a unha bandeira. Nengunha igrexa mellor para celebrar o rito imperial que a praza dun conquistador. Poñamos, portanto, a barba a remollar, pois nalgunha nación do Estado xa reloce a navalla barbeira de Madrid.
O meu optimismo natural, o que me dá alento para seguir na loita, lévame a pensar que no cemitério de San Mauro está a morada do espírito de Bóveda, por segunda vez desterrado. A primeira foi en Cádiz. Que casualidade, que Andalucia fose tamén o lugar de exílio doutro nacionalista que agora defende brillantemente o país nas Cortes do Estado. Confeso o respeito pola rexión andaluza. Pero sospeito que a preferéncia dos inquisidores para escollela como lugar de continamento é porque coidan que a mellor maneira de vacinarse contra a enfermidade nacionalista é impartindo cursiños de flamenco.
Bóveda, ave fenix de Galiza que vai rexurdir das suas cinzas. A estampa do Atila de Castelao –“non enterran cadaveres, enterran semente”- converteuse en fonte comun de inspiración de todos os poetas que, desde César Vallejo a Manuel Maria, puxeron rima á momória do noso mártir. Todos eles concordan en que é a sua semente de vencer. “¡Si vive Galicia i a sua xente, a tua morte non pode ser verdade!” reza o verso do tardo chairego. Se aluma ainda o facho nacionalista, a sua morte non pode ser verdade. Se lle eriximos aqui unha estátua de lembranza, a sua morte non pode ser verdade. Se o povo inteiro se ergueu hai pouco en rebeldia na Praza do Obradoiro para clamar contra a indeferéncia dos governantes na desgrácia do Prestige, a sua morte non pode ser verdade. Mentres haxa un Dia da Pátria na Quintana, non haberá noite de morte no cemiterio de San Mauro.
Pero son realista tamén. Estamos nunha fase que vai definir en poucos anos o futuro nacional. Non abonda con aferrarse á utopia da ilusión. Galiza ten que escoller entre a reconversión e a permanéncia da sua identidade. A reconversión significa converterse en fotocópia, e a fotocópia ráchase porque carece de valor cando existe o orixinal. A história é mestra. Da Patagónia a Canadá, foron poucos os indíxenas que conseguiron na fotocópia do império a salvación individual. Fican gauchos, aos que a mestizaxe non elevou de criados e vaqueiros a patróns. Obxectaráse co exemplo das Galias, da Hispania, da Galecia e da Lusitánia, fecundas civilizacións que abrollaron da romanización. Pero naceron dos cinzas de Roma, e o parto cultural non seria posíbel sen a morte dos cérares, sen antes abater a garda pretorián e derrubar o Capitólio. Non frutifica a semente que non aprodreza na terra. Apodrezamos, pois, o cesarismo, que nos impede converternos de servos en señores. O esforzo e sacrificio de Espartaco venceu a escravitude anos despois do seu martirio. Pero venceu porfin, como agardamos que venza a mensaxe que nos deixaron en herdanza os nosos devanceiros.
Sinto rematar a miña intervención con palabras que poden enfriar a premura depositada nos nosos ideais. Cousa lóxica, por certo. Tamén a min me asalta algunha vez a dúbida de Hamlet. Todos vistes, seguro, a película que na versión española figura co título de “Los últimos guerreros”. A finais do século vinte, un rastreador descobre isolada nas montañas unha Tribo de cheiens, un retallo da prehistória que permanece viva na era dos avións supersónicos. Pois ben; se algunha vez seca o peito da muller galega e amamanta os fillos co pelargón da lingua e da cultura allea, sempre ficará nas montañas de Galiza unha tribo de guerreiros. Dade por feito que eu estarei entre eles, entre os últimos guerreiros.
_Intervención no XII Congreso da UMG
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2003
Na clausura deste XII Congreso da UMG, e lembrando-me dos acontecimentos que se deron estes dias, concretamente desa grande manifestación que se produciu esta mañá en Santiago de Compostela, penso que é necesário lembrar conceitos que praticamente estaban esquecidos.
Xa dixeron os intervintes con anterioridade, tanto o representante de Galiza Nova, como o recén eleito Secretário Xeral da UMG, o compañeiro Daniel Gómez, que estamos asistindo a un recrudecimento do colonialismo e do imperialismo.
Todo o nacionalismo galego parte duns princípios ideolóxicos fundamentais: a consideracion da Galiza como unha nación e a loita pola sua soberania nacional. Pero, inerentes a estes princípios ideolóxicos, vai a loita en contra do imperialismo e do colonialismo. E é inherente non só dos princípios ideolóxicos que conforman a definición, o ideário da Unión do Povo Galego e da UMG, senón, aqueles princípios que conforman o ideário de todo o nacionalismo galego, e concretamente do Bloque Nacionalista Galego.
Habia conceitos, polo menos formalmente, que parece que estaban arrinconados. Lembro-me, no ano 1990, cando un politico daqui, do noso país, que hoxe ocupa un cargo institucional -non polo BNG, non polo nacionalismo galego-, senón por outro partido que se proclama de esquerdas, que cando caeu o muro de Berlin, cando houbo a deserción ideolóxica da Unión Soviética, el afirmaba que ía ter unhas consecuéncias que ían ser nefastas para todos os movimentos de liberación do mundo, e concretamente para todas as ideoloxias progresistas. E isto estivemo-lo comprobando. Parece que hai xente que ten medo, que tiña medo, de utilizar o conceito de colonialismo aplicado á situación pola que está atravesando o noso país desde fai vários séculos. Parece que constituia un conceito obsoleto iso de falar do imperialismo. Desgraciadamente este ano que estamos a viver están a reverdecer conceitos que en certo xeito estaban arrinconados.
Quero referir-me exclusivamente a dous deles. En primeiro lugar, a aquel que afecta directamente ao noso país. Neste momento a xente está comprobando que a Galiza é unha colónia do Estado español, que a Galiza importa-lle pouco ao Estado español. É moi normal escoitar entre a xente que está falando polos bares, non xente politizada, esto de "se pasara o caso do Prestige en Catalunya, ou en Euskadi ou mesmo en Andalucia, seguramente o Estado Español tomaria máis interese; pero é que aos galegos toman-nos de coña". Non pronunciaban claramente a palabra colonialismo, pero a consciéncia de que somos unha colónia do Estado español, cada dia está penetrando máis na consciéncia popular do noso país.
Parece tamén que o imperialismo era cousa doutros tempos. En diferentes libros sobre o tema citan o imperialismo coma unha situación política que durou máis ou menos desde o 1835 até o 1920. Aplicaba este conceito exclusivamente a aqueles países de África que dependian de metrópoles europeas, concretamente de Franza e de Inglaterra. Esta situación remataria nunha reunión da ONU, coa Carta de San Francisco no ano 1946, cando estabeleceu o direito á autodeterminación, precisamente para eses países que constituian colónias africanas dos países europeus, e que lle daba antes do direito de autodeterminación unha autonomia que consistia en ir tomando responsabilidades do governo até que acadaran a sua soberania plena.
Pero resulta que o imperialismo neste momento está máis duro que nunca. Non podemos falar de que sexa unha nova forma de imperialismo, senón que é o imperialismo máis retrógrado, o máis cruento o que estamos a viver con esta guerra do Iraque.
Primeiro dixeron-nos que era necesária a intervención porque no Iraque habia armas de destrución masiva, como se nos non tivesemos presente ainda a destrución de Hiroshima e Nagasaki. Primeiro fora Hiroshima con 80.000 mortos e máis de 80.000 feridos. E logo Nagasaki, con 40.000 mortos e máis de 40.000 feridos. Estas si efectivamente eran armas de destrución masiva. Agora os Estados Unidos xa non falan de armas de destrución masiva senón de acabar con Sadam Husein, e co seu rexime, e non só acabar con eles, senón acabar con todo o povo iraqui, porque o que necesitan é o petróleo. Nesta última semana eu teño comentado con alguns amigos, que escoitando unha emisora de rádio portuguesa na que facian unha enquisa en diferentes vilas e cidades portuguesas sobre a razón dos Estados Unidos para atacar Iraque todos crian que ían polo petróleo. Pero a mellor foi a resposta dada por unha señora que ante a estación de Santa Polónia de Porto dixo que a guerra do Iraque só servia para que os norteamericanos encheran o bandullo de petróleo. Pois ben; que enchan a barriga de petróleo a ver se efectivamente rebentan.
Pois ben, agora resulta que nós estamos nesta guerra por obra e graza do señor Aznar. Segun el estamos nunha misión humanitária, tan humanitária como aquela soldado norteamericana, Petra, que vimos nas imaxes difundidas por esa televisión árabe, que cando foi apresada dixo que cumpria ordes. Polo visto estaba unicamente coma cociñeira, e tamén estaria nunha misión humanitária porque os soldados norteamericanos non poden loitar se non almorzan pola mañá. Queixaban-se tamén o outro dia de que andaban con penso frio e por fin poderon comer quente un dia. Iso non é misión humanitária, é unha auténtica guerra imperialista.
Agora, nesta situación, xa se está falando de que teñen preparado un governo norteamericano, con todos os seus ministros norteamericanos. Pero, iso si, será só por tres anos. E eu penso, infelices!, tres anos?, unha vez metidos ali terán que enfrontar-se a unha guerra de guerrillas coma a que sofreron no Vietnam, e iso vai durar anos. Isto é colonialismo clásico. Imperialismo clásico. Por isto é necesário rearmar-se ideolóxicamente en contra deste rearme reaccionário que se está producindo a nível mundial e que ten os seus piares fundamentais en Bush, Aznar e Blair. Asi que non nós veñan dicindo que é unha labor humanitária a que están facendo ali.
Eu quixera rematar a miña intervención recordando unha cousa. Neste momento o PP está preocupado polas agresións que están sofrendo todos os militantes dese partido, polos ataques ás suas sedes. A este respeito o señor Aznar dicia: comeza-se pola palabra, segue-se cos ovos, e acontinuación veñen as pedras e por fin as bombas. E eu pensaba; si señor Aznar, pero vosté está xa nas bombas e nós estamos ainda na palabra. E agora pide-lle a toda a oposición que emita comunicados de repulsa a esas agresións. Nós estamos esperando que o Partido Popular emita un comunicado de repulsa pola agresión sofrida por duas mozas en Vigo, cando estaban manifestando-se en contra da guerra do Iraque.
Tamén quixera referir-me a unha cuestión que me preocupou. Supoño que ao mellor estarei metendo a pata, pero creo que unha das moitas cualidades que adornan ao sexo feminino é precisamente a sua tenrura. Por isto eu quedei abraiado, estarrecido, cando fai uns dias lle preguntaron á señora Ana Palácio, a Ministra de Asuntos Exteriores, cando tiñan xa aparecido nenos mutilados, moitos outros mortos, dado que até o de agora non vimos fotos de soldados mortos, nen iraquis nen norteamericanos, ainda que seguro que haberá algun, si aparecian moitas fotos e planos nas televisións de nenos mutilados. Preguntaron-lle sobre esa situación, e ela dixo que a xente xa se convenceria de que a guerra é positiva porque sube a Bolsa e baixa o petróleo. Esta é a mentalidade que teñen todos estes señores.
Polo tanto, vós, a UMG, integrados nunha organización como a UPG, nunha organización nancionalista, que loitamos pola liberación do noso povo, neste momento debemos ter máis claro que nunca que é necesário continuar nesa loita, e é necesário continuá-la con fe. Falaba o outro dia en Ferrol da película Espartaco, que seguramente volverán pór nesta próxima Semana Santa, que narra a loita dos escravos en contra do Império Romano. Espartaco e o seu exército foi derrotado no seu momento, pero a derrota de Roma foi definitiva. E nós, todos nós, imos derrotar ao imperialismo se continuamos con fe e con ardor e mantendo os mesmos princípios ideolóxicos.
_Intervención no 25 aniversario da UMG
Santiago de Compostela, decembro de 2002
Traio aqui unhas cantas ideas apontadas, e supoño que ao mellor non me podo deter en cada unha delas, pero algo si é importate que afirmemos neste momento. Hai outras persoas moito mellor cualificadas, que están aqui presentes, para dirixir-vos a palabra. Pero a miña responsabilidade é a de ser o Presidente da Unión do Povo Galego (UPG), e tamén o Presidente da Unión da Mocidade Galega (UMG), e portanto ter que falar aqui me vai no soldo.
Falou o compañeiro Néstor Rego da fundación da UMG hai 25 anos. Parece-me que foi no mes de Agosto, antes precisamente de celebrar o I Congreso da UPG, pero daquela xa a organización á que todos pertencemos tiña in pectore o meu nome como Presidente e eu tiven que asistir a aquela fundación. Coido que foi nunha aldea perto da Coruña. Ali estaba o noso compañeiro sempre lembrado e chorado Moncho Valcárcel. Nacia como escola de militantes comunistas e nacionalistas. Foi un Agosto do ano 1977. Eu afirmaba nun artigo do Guieiro, publicado non hai moito tempo, non me lembro agora en que número era, que a UMG representaba a Galiza do futuro. Dela terian que sair os militantes que tiñan que recoller a semente que durante tantos anos foi sementando o nacionalismo. Cando me refero ao nacionalismo, non me cingo exclusivamente nen á UPG nen sequer ao Bloque Nacionalista Galego (BNG), senón a todo o movimento que nos precedeu. Desde o Levantamento de Carral as Irmandades da Fala, ao Partigo Galeguista. Todos os que concebiron o noso país coma unha Pátria que hai que liberar. Militantes que terian que asumir responsabilidades de futuro. Pois ben, hoxe en dia xa podemos afirmar que esa responsabilidade xa está asumida por todos aqueles que nasceron á política dentro da UMG.
Eu entendo que calquer cita que poida facer resulta sempre discriminatória, pero non podo esquecer aqui alguns nomes. Perdoade-me se efectivamente non os cito todos. Tivestes ocasión de escoitar as palabras dun militante da UMG como Néstor Rego, que actualmente ocupa un importante cargo institucional e, seguramente, moito máis importante ainda dentro de pouco tempo. Cargos importantes orgánicos. Aqui temos o noso compañeiro Alcalde de Allariz. Tamén foi militante da UMG, ainda que eu coido que nasceu politicamente maduro. Roberto Vilameá, responsábel de organización da UPG. Ana Pontón, que forma parte da Executiva do BNG, ou Rubén Cela, un cargo importante dentro de Galiza Nova. E, por suposto, David Pena e moitos outros. Unha cita exaustiva non a podo facer neste momento, porque resulta discriminatória, pero sinto a obriga de citá-los. Cargos institucionais, aparte do xa citado Néstor Rego, están compañeiros como Bieito Lobeira, actualmente brillante deputado, non só do BNG senón do Parlamento galego. E, por suposto, todos os que forman parte do Comité Central e do Secretariado Político. Portanto, a UMG deixou de ser unha promesa de futuro, eso que eu afirmaba naquel artigo do Guieiro, e pasou a ser unha realidade no presente.
Dixen antes, e a eso me quero referir, que a UMG é unha escola de militantes comunistas e nacionalistas. En primeiro lugar quero afirmar, dentro das ideas que dixen que queria deixar aqui presentes, que a UPG nasceu como unha organización nacionalista. Todos os que participamos na sua fundación léramos antes o Sempre en Galiza de Castelao do que a Carlos Marx; coñecíamos máis profundamente a revolución dos Irmandiños do que a Revolución Bolchevique que tivo lugar na Rúsia no ano 1918. Pero a UPG xa nasce con vocación revolucionária. Non vos asustedes. Cando cito a palabra "revolucionária" quero que se interprete no seu sentido transformador e non no pexorativo que moitas veces se lle atribui como sinónimo de anarquia ou violéncia. Todos coñeceredes os dez pontos mínimos que no 1964 puxemos como frontispício a esa organización que acababa de nascer: Galiza é unha nación e como tal ten direito á autodeterminación e o poder do povo galego será exercido polos labregos, obreiros e mariñeiros. Portanto, quero fundamentar a ideoloxia marxista da UPG en duas ou tres razóns fundamentais.
A primeira delas, que as clases populares (labregos, obreiros e mariñeiros) foron os depositários da identidade nacional do noso país, os depositários da sua língua e da sua cultura. A burguesia desertara desa identidade nacional. Substituíron o galego polo castrapo. Era máis devota do flamenco do que da muiñeira. Ignoraba a "rapa das bestas", pero construía prazas para celebrar corridas de touros. Esta é unha razón fundamental da ideoloxia marxista da UPG.
A segunda razón deriva-se dunha leitura científica da história. Non existen transformacións políticas sen transformacións sociais, e non hai transformacións sociais sen transformacións económicas. Non hai páxina da história que non estexa escrita pola economia. Non hai guerras de relixión, nen conflitos étnicos, nen grandes descobrimentos. Se Roma nos trouxo o seu idioma é porque viña á procura do ouro das Médulas. España usou o crucifixo para comprar a prata do Novo Mundo.
En terceiro lugar, a interpretación da dependéncia como un problema colonial. Escoitamo-lo na explicación de Moncho Suevos na apresentación na Faculdade de Económicas das "Bases Constitucionais" recollida no vídeo que vimos de ver.
Ben. Porque somos nacionalistas? Porque a Galiza é unha nación, non unha rexión. Que non teñamos que cambiar de nome. Dicia San Pablo -e perdoáde-me que utilice a Bíblia- se Xesus Cristo non resuscitou en van é a nosa fé. Asi, se efectivamente a Galiza non é unha nación, en van utilizamos o nome de Bloque Nacionalista Galego. A nos abonda-nos o nacionalismo para lexitimar-nos coma forza de progreso. Dentro da UPG, dentro da UMG, temo-lo suficientemente claro. Non necesitamos adxectivos para o nacionalismo. Non precisamos o cualificativo "de esquerdas", porque o nacionalismo é esquerda. Non precisamos o cualificativo de nacionalismo progresista, porque o nacionalismo é progreso. Non hai esquerda antinacionalista, non hai progreso sempre que o progreso se basee na opresión dos povos.
É necesário lembrar unha série de conceitos políticos para que o teñamos suficientemente claro. Oligarquia é o governo duns poucos. Aristocracia é o governo dos ricos. Democracia é o poder do povo; e non hai democracia se ao povo non se lle recoñece o seu direito a decidir o seu próprio futuro político, quer dicer, se non se lle recoñece o direito á autodeterminación nacional. Somos nacionalistas porque temos fe no noso povo. Moitas veces acusa-se os nacionalistas de dogmáticos. Desde a mesma tribuna do Parlamento da Galiza afirmou-se que utilizamos como Bíblia o "Sempre en Galiza" de Castelao. Non lles vou levar a contrária. Aceitamos o de dogmatismo porque temos fé no noso povo. Ese é o noso dogma, frente ao dogma dos que substituiron o decálogo de Moisés pola Bíblia da Constituizón. Onte mesmo acaba de afirmar o Presidente do Governo español, o señor Aznar, que a Constituizón é intocábel. Ese é un auténtico dogma. Quer dicer, que substituíron o decálogo de Moisés polo endecálogo de todos os españolistas. Endecálogo, porque hai que cumprir un mandamento novo. O primeiro décimo: Hai que venerar a Constituizón española.
Se somos nacionalistas temos que proceder como nacionalistas. Non podemos pasar por menos que defender o direito de autodeterminación nacional e reclamar para o povo galego a soberania que a Constituizón deposita no Estado español. Necesitamos a soberania para substituir a imposición pola convivéncia, que é a mellor maneira de terminar con todo tipo de discriminación, con todo tipo de violéncia.
Sigamos este camiño para facer história. Nós non somos história; facemos simplesmente história. En todo caso, somos unha simples liña, unha simples palabra, un simples ponto e coma. En todo caso, pontos suspensivos da história. Non foron história, senón que fixeron história, os mártires de Carral, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o Bloque Nacionalista Galego. Todos eles, todos nós, estamos a facer história. Hai futuro, cando foi regado ese futuro co sangue de Alexandre Bóveda, co sangue de Moncho Reboiras, e mesmo co sangue do Ché Guevara. Pode-se discutir -non é este o momento- se os métodos que eles utilizaron para conseguiren os obxectivos polos que a humanidade, os oprimidos, os marxinados veñen loitando desde hai moito, foron atinados ou non. Non é esta a cuestión. A cuestión é que non hai quen lles poda negar a sua honestidade, e nunca poderá prevalecer sobre o sangue dos mártires, sobre o sangue de Alexandre Bóveda, de Moncho Reboiras, do Ché Guevara, a tirania dos verdugos. Nada máis.
Adiante compañeiros!
_Discurso no XI Congreso da UMG
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2001
Foi hai vintecatro anos, praticamente no mes de Agosto, que se criou esta organización xuvenil da UPG nun povo da província da Coruña, e efectivamente esta organización ten rendido frutos importantísimos non só para o noso Partido, suministrando uns cadros importantes, senón tamén para o nacionalismo galego. Seguramente eu esqueceria a motísima xente que neste momento está cumprindo un papel importantísimo na nosa organización e no nacionalismo galego, pero como teño presente a alguns, teño-os que citar, e falo concretamente do camarada Roberto Vilameá e por suposto do camarada Bieito Lobeira,brillante parlamentário do BNG.
Eu vou satisfeito polo forma en que se desenvolveron os traballos aos cais puiden asistir, referido á madurez demonstrada neste acto de clausura pola intervención do seu secretário xeral, pero sobretodo é no espírito crítico: unha organización que non ten espíritu crítico é unha organización morta. É necesáiro correxir todo aquelo que fixemos mal, é necesário emendar páxinas para que as que teñamos que escreber no futuro saian cun estilo moito máis correcto. Non se trabuca, non ten nada que correxir aquel que non anda o camiño. E é importante que a UMG saia fortalecida, non só para fortalecer a UPG, senón para axudar ao futuro do nacionalismo.
A UPG e a UMG tiveron sempre unha vocación frentista, o mesmo nome, Unión do Povo Galego, máis que como a definición ou o apelativo dun partido político responde a un frente de carácter nacionalista. Inclusive nos dez pontos mínimos que nós aprobamos alá polo ano 1964, definia-se a UPG como unha frente onde collian todos aqueles que recoñecesen que Galiza era unha nación con direito a autodeterminación. Apartir de aí a UPG vai criando organizacións de carácter nacionalista. Primeiramente co Asemblea Nacional Popular Galega AN-PG, en segundo lugar co BN-PG e finalmente participou dunha maneira activa, moi importante na actual conformación da organización unitária do nacionalismo galego que é hoxe o BNG.
Por iso precisamente, hai uns ataques a UPG, pero non é o albo deses ataques o noso Partido senón que o albo é o nacionalismo galego; primeiramente atacaban-nos porque dentro desta organización unitária faltaban moitos, habia unha organización que non estaba e entón o Bloque era o mao. Actualmente que todo o nacionalismo ten unha organización unitária parece que o mao é a UPG, é dicer, antes criticaba-se polos que faltaban agora polos que sobran: queren deixar o corpo do nacionalismo sen o seu próprio esquelete.
É curioso, tempo atrás atacaban-se as nosas relacións internacionais dentro do Estado espñaol con alguns nacionalistas, cando nós participabamos en plataformas conxuntas con HB en Euskadi, por exemplo, ou co PSAN en Catalunya, porque estas eran organizacións demasiado radicais. Agora que as alianzas do nacionalismo galego son con CIU e co PNV censura-se o nacionalismo galego, que é unha organización de esquerdas por relacionar-se con partidos que eles definen de direitas, sendo curiosas estas críticas vindo daqueles que nunca tiveron nengunha beleidade coa esquerda estando e militando sempre no pensamento de direitas.
Pero ben, o nacionalismo avanza, xa se referiron antes os compeñeiros, e concretamente David Pena, ás enquisas que reflexa hoxe algun meio de comunicación, onde se comproba que o PP non ten garantida a sua maioria absoluta nas eleicións do próximo Outubro. Seguramente, igual que fixo sempre, o PP terá que acodir a América; antes os nosos labregos, que non tiñan recursos económicos suficientes dentro do noso país, tiñan que ir á procura deles máis alá do Atlántico, concretamente á Arxentina e a Chile. Pois ben agora o PP, que non ten recursos económicos nen políticos suficientes porque perderon xa a confianza no seu povo, tamén anda traballando, a ver se pode sacar de América o que é incapaz de conseguer aquí, esa maioria absoluta está a piques de perdé-la.
Pois ben, sigamos por aí, a UMG; ten que contribuir, igual que todo o nacionalismo galego, pero principalmente por ser unha peza fundamental dentro dese nacionalismo, para que as espectativas que ten o povo galego que neste momento parece que poden ser verificábeis, poidan cristalizar moi pronto.
Lembrades que no mes de Xaneiro o BNG fixo unha moción de censura ao PP? Neste momento, á altura do mes de Marzo, as enquisas están facendo unha moción de censura ao PP; o noso obxectivo é que no mes de Outono as urnas fagan tamén unha censura ao PP.
Adiante xa! Viva Galiza Ceive e Popular!
_Intervención de Bautista Álvarez no X Congreso da UPG
Pontevedra, 29 de outubro de 2000
Son várias as razóns que moveron o Comité Central da UPG, despois de consultar coa militáncia, a traer á cidade de Pontevedra a celebración deste X Congreso que agora estamos a clausurar. Para todos nós resulta evidente que sendo Galiza a destinatária da nosa mensaxe política toda ela debe compartir o protagonismo dos actos organizados polo nacionalismo. Á marxe deste motivo ou de factores técnicos que nos aconsellaron esta decisión, a ninguén se oculta o simbolismo que encerra escoller como sede congresual a capital do Lérez, apelativo utilizado como tópico de significación turística. Ademais dos rios e dos montes que baixaban aqui a beber as augas da ria antes de estaren poluídas por Elnosa, conta a cidade con outros atractivos menos ponderados talvez que os coñecidos polo seu enclave xeográfico. Tivo poetas, ten monumentos e aportou figuras egréxias á cultura galega. Pode cada quen elexer aqueles aspectos máis suxestivos e merecentes de seren evocados. Renúncio eu a facé-lo. Non podo renunciar, non obstante, a levantar o congreso sen testemuño expreso do mesmo á memória de Castelao e Alexandre Bóveda, património da Galiza e para sempre vinculados á história de Pontevedra. Aqui traballaron e viveron. Aqui repousan as cinzas do mártir nacionalista, unha das primeiras vítimas cobradas no noso país pola sublevación do 36, e a quen se debe ainda o recoñecimento institucional do que foi acredor. Pero, sobretodo, aqui criaron os dous. E fixeron semente. Non é casualidade que sexa este concello un dos primeiros importantes en acceder a un governo municipal nacionalista, destruindo o tópico que quixo facer do galeguismo a expresión bucólica da Galiza da corredoira e das vaquiñas, por máis que sexan as vaquiñas un dos problemas de preocupación constante dentro da nosa organización. É este outro aliciente para traermos a Pontevedra este congreso, por sentir-se a UPG arroupada por unha maioria social que en certa maneira comparte con nós o mesmo proxecto político. É hora, xa que logo, de saudarmos os compañeiros que teñen a máxima responsabilidade de governo nesta localidade, actualizándomos para isto aquela frase que Castelao remoeu quizais moitas veces no vello café da praza da Ferraria: tivestes fe no voso povo, e xa o povo acreditou a sua confianza en vós. Tomastes o leme nas mans, pero a nau manterá-se a frote se non esquecedes o ponto de partida e coñecedes o porto de chegada. Saímos dunha Galiza marxinada, e diriximo-nos a unha Galiza soberana.
Camaradas, o congreso rematou. Non resulta lexítimo que eu o reabra coa miña intervención, convertendo o discurso de encerramento en foro de debate. É de salientar, en todo caso, a coesión partidária reflectida nas conclusións que hoxe acabamos de aprobar, froito dunha reflexión colectiva ao longo dos máis de tres meses que durou o proceso congresual. Unha interpretación negativa poderia atribuir a auséncia de tensións á indiferenza ideolóxica. Hóubo-as, anos atrás, cando tivemos que confrontar e combater alternativas que nos levaban á liquidación do proxecto. No 1982, capitulando á reforma tras a intentona golpista. No 1986, abrindo as portas á temeridade e grupusculización. Afortunadamente, a converxéncia de critérios sobre as cuestións de fundo expresan neste momento a madurez dun Partido que algunha páxina escrebeu na história do país, e que todos agardamos que poda redixir ainda vários capítulos de futuro da nosa Terra.
Rompendo, portando, a rixidez dun acto restrinxido a desempeñar unha función protocolar, permito-me algunhas reflexións complementares ás teses debatidas e aprobadas, e todas elas consubstanciais co noso pensamento e prática política diária. Resulta utopia interpretar este Congreso, tal como se fixo nalgun meio de comunicación, como reafirmación de compromiso da UPG co nacionalismo. O nacionalismo foi e continua sendo a nosa razón de ser. Renunciar a el significaria asinar o certificado de defunción. Di-vo-lo quen foi baptismado politicamente no nacionalismo e quen levou este partido á pia baptismal. Perdoade o arrecendo litúrxico da metáfora empregada, deliberadamente provocativa en quen substituiu o dogma polo discurso dialéctico para a interpretación da história. Antes que Marx a Unión do Povo Galego xa lera Castelao. Foi naquel onde atopou as claves explicativas da dependéncia colonial, as vias para conducir correctamente o proceso de liberación. Non se pode desligar o problema nacional da contradición de clases. Non se pode aspirar á soberania política deixando intacta a soberania dos monopólios para expoliar libremente os nosos recursos económicos. Emancipar implica transformar. Se non hai clases, se a mundialización é o fetiche salvador, se a filosofia do capital vai resolver a curto prazo as restricións impostas ao aparato produtivo, normalizar o idioma, restaurar a cultura tradicional, que facemos aqui malgastando unha fin de semana en discusións bizantinas, convertendo un Congreso en tertúlia de café? Que función cumpriríamos que non fose a de aportar métodos máis acaídos de xestión dun proceso que nos reduciria ao papel de comparsas do sistema? Eis a necesidade e virtualidade da UPG dentro do proxecto comun do nacionalismo, tan importante como a de calquer outro colectivo que partindo de presupostos ideolóxicos diferentes comparta con nós os obxectivos de liberación. Caiu a de Berlin, pero agranda-se a muralla que alonxa o centro da sua periféria. Sendo periféria, a nosa nación foi reducida á condición de proletária. Ben o sabia o poeta que rimou na língua proletária do seu povo. En resumo, afortalar as nosas convicións ideolóxicas é a maneira de afortalarmos o noso compromiso nacionalista. Non desandemos o camiño percorrido cando este nos leva na boa dirección.
O nacionalismo parece ser o inimigo a bater polo sistema. A ditadura franquista ocultaba a sua debilidade na ameaza marxista, separatista e da masonaria. Apresentaban-se estes, os masóns, adestrando-se para matar cregos en ritos iniciáticos consistentes en degolar carneiros previamente trasquiados. Sempre o poder tentou sustentar a sua permanéncia suprindo co temor a caréncia de razón; infelizmente, é unha táctica ben coñecida para impor ao neno a autoridade paternal. O meco, o saca-untos, o home do saco, o saca-manteigas son personaxes de ficción que forman parte da mitoloxia infantil. Unha sociedade temerosa torna-se acrítica e submisa. O medo definiu moitas veces o resultado de eleicións e referendos. Pois ben, o nacionalismo está-se a converter no saca-untos dos que branden a Tizona ideolóxica do «Cid Campeador». Pero xa non está o Babieca para moitas cabalgadas. Tamén aqui, na Galiza, temos un povo maduro que deixou de acreditar nas meigas e confia máis cada vez no BNG. Que pergunten, senón, aos eleitores de Pontevedra, de Vigo, de Ferrol. Que pergunten moi logo aos de Ourense e Santiago. De pouco vai valer a pretensión de satanizar o nacionalismo coa asimilación malévola a actuacións de signo violento, máis próximas a reaccións viscerais perversas que a motivacións de urxéncia política. Non valeu a Nerón a queima de Roma para con ela queimar cristiáns. Non tardou o cristianismo en sair das catacumbas e facer-se con Constantino a relixión do Império. Moitas veces me asaltou a dúbida de se non estarán vixentes ainda agora as maquiavélicas extravagáncias de Nerón. A interpretación tendenciosa dunha violéncia obxectivamente rexeitábel dá-me que pensar. Tan perigoso é o dedo que aponta nunha dirección como o que aponta noutra; o dedo que aproveita o terrorismo para incitar ao linchamento político de quen defende un modelo de Estado diferente.
Onde está o dogmatismo, compañeiros? Non é a Galiza unha invención de Pardo de Cela, de Manuel Murguia, de Alexandre Bóveda. Non é o idioma un simples recurso literário na lira de Rosalia, de Pondal, de Curros Enríquez. Non foron os nosos emigrantes ousados aventureiros a procura de experiéncias vitais que engadiren á formación da sua personalidade, opinión esta de pouca fortuna no filósofo da saudade. Presenciamos a rebelión dos Irmandiños. Pola história que España nos contou soubemos dos Pelaios, das Xermanias, dos Fernán González, e mesmo das bágoas que en Granada derramou Boabdil. Para esta história dona Xoana será para sempre a Beltranexa, e don Pedro apelidado de cruel. Ignora-se que aqui viñeron os Acuñas para contribuir a decapitar Roi Xordos, e que máis tarde se producira o levantamento de Carral. A nobreza galega, que foi para nós opresora de vasalos, foi para España rebeza por non submeter-se ao xugo de Castela. Hai que manter a escola na fidelidade aos vellos mitos do cabaleiro español, ridiculizado polo inxénio de Cervantes na figura de Quixote. A reacción está alporizada. En San Millán de la Cogolla rearmou-se a nova inquisición. Resulta chamativa a tendéncia de certo partido a elaborar nos mosteiros as decisións trascendentes. Se non acadan o rango de concílios, ben merecen estas reunións a definición de conciliábulos. Ali, enclaustrados na inspiración divina, co auxílio de Berceo reafirmaron o dogma da unicidade: a unicidade da língua, a unicidade da história, a unicidade do povo, interpretada na hermenéutica de Menéndez Pidal e Sánchez Albornoz. Estabelecido o dogma, máis preocupante seria que o erixisen en bandeira de cruzada. Se asi fose, que leven á batalla a San Millán, que cosan no peito o brazo incorrupto da Tareixa, que monten inclusive no cabalo de Santiago Mata-mouros. De nengunha maneira queremos que volvan petar na sala de mandos dos cuarteis, mesmo que para iso teñamos que reducir o maxistério a relatar nas aulas a traxédia da carapuchiña, os encantos de Alícia, as aventuras de Polegarciño, agardando entretanto a chegada do príncipe azul que nos vai redimir da lareira galega e levar-nos aos palácios da meseta. E despois falan de dogmas os que se erixen en pontífices! Somos dogmáticos por reclamarmos o direito a sermos como somos e non como queren eles, por exixirmos para o noso idioma o mesmo direito concedido á língua de Castela.
A nosa loita, pacífica e sen armas, encamiña-se a conquistar os direitos que á Galiza como nación corresponden. Aforro a polémica, para min inexistente, de se a mesma leva implícita a emancipación de clase. Non é este o lugar. A consecución do poder político seria estéril de non traducir-se no avanzo do proceso de liberación. Nunca debemos confundir os obxectivos cos instrumentos para consegui-los. A utilización das canles máis acaídas para emitirmos a nosa mensaxe, para mantermos a sintonia co grau de sensibilización e nível de consciéncia popular, non poden significar o sacrifício dos princípios ideolóxicos que nos orientan. Perder o norte é deixar-se arrastar pola fúria da procela. O éxito dunha boa xestión municipal, ademais de ser un compromiso contraído co noso eleitorado, forma parte da nosa ética política. Pero non abonda, se ao final do mandato non deixamos máis Galiza, máis impronta nacionalista, máis poder popular en movimento e menos caciquismo. O controlo das institucións serve na medida en que permita levar a cabo as transformacións que a sociedade necesita. Do contrário, as responsabilidades ficarian adulteradas e postas ao servizo exclusivo de intereses persoais.
Unha das teses que acabamos de aprobar incide nas alianzas dentro do campo do nacionalismo. Ese é o marco que define os critérios a seguir nas relacións externas. Somos unha organización de esquerdas. Evidente, por ubicación ideolóxica e pola praxe de vários anos de actuación. Non precisamos, nen temos interese, en facermos autos-da-fé proclamando a pertenza a unha corrente política á que na actualidade se está baleirando de contido. Coñecida a ignoráncia e mesmo hostilidade que mantén en moitos casos a respeito do problema nacional, nela están-se a introducir conceitos que enrubiarian o máis edulcorado laborismo. A veces semella resignar-se a sucumbir coa morte das ideoloxias defendida pola tecnocrácia. Outras, aproxima as coincidéncias coa direita procurando a solución de graves problemas sociais na via exclusivamente represiva. O pau e tente teso está no cerne do pensamento reaccionário. Aberta a billa, non tardaremos en ver os cartaces de caza e captura estimulando a cobiza dos caza-recompensas, que nos fagan reviver a picaresca do selvaxe Oeste. O linchamento virá despois, unha vez conseguido o linchamento da consciéncia colectiva. Ultimamente, o taumaturgo escollido por un partido en situación convalecente acaba de lanzar o esconxuro na proposta de “socialismo liberal”. Zapateiro aos teus zapatos; di o refrán español. Se esta é a esquerda que fixo Deus, que a leve o demo, pensamos Curros Enríquez e máis eu.
Preocupante non é só recuar do marxismo ao socialismo liberal. Visto é que a esquerda, como categoria ideolóxica, xa existia antes do Manifesto Comunista. Sempre foi, en todo caso, a antítese do domínio e secuelas do modelo económico imperante. Non temos nesta altura castelos feudais que derrubar. Están os vasalos do capital e vice-reinado das transnacionais nos países dependentes. Na etapa actual, a liña divisória pasa por definir-se a respeito do sistema que controla o proceso produtivo. Cuestionemo-lo ou non, reservemos cando menos para a esquerda o espírito crítico que lle é consubstancial, consecuente coa filosofia dialéctica que tomou como método de análise. Non haberá nova síntese, nova sociedade, se renunciarmos á confrontación. Nengunha moderación será suficiente para a ideoloxia dominante mentres non conseguir de nós a capitulación. Non confundir os modais necesários para gañarmos a simpatia do povo coa deserción dun combate que poda irritar os poderosos. Deixar-se levar pola inércia, mesmo unha inércia social alienada, é desactivar os elementos desalienantes que actuan como factores da transformación. Unha compañeira ilustraba moito mellor a idea que quero transmitir. Parece aconsellábel soltar lastre nunha embarcación obrigada a navigar contra corrente. Tirar os remos para alixeirar o peso é expor-se a ser devorado polo rio. Se para triunfar, para iludir o conflito, temos que renunciar, non é vitória. É rendición e derrota.
Dixen-no antes, e non está de máis repeti-lo agora. O nacionalismo constitui o noso sinal de identidade, o noso ADN ideolóxico. Non precisa de adxectivos para conseguir a sua lexitimación política. É de esquerda, por ser inimigo dos impérios, por loitar en contra da opresión dos povos e das clases. É democrático, por reivindicar para cada país o protagonismo da sua história. É pacifista, por combater a discriminación que xera violéncias. Ten futuro, porque o pasado escrebeu páxinas heroicas que dan fé da rebelión contra a dominación externa. Desde a resisténcia épica de Numáncia á xesta que recentemente culminou a independéncia do Vietname. Non caben nel conceitos que en eséncia constituen a sua negación. Poñamos o mal chamado “nacionalismo español” no lugar que lle corresponde: no chovinismo, imperialismo e dogmática concepción do Estado. E inclusive no racismo, apresentando como empresa civilizadora cruentas fazañas de extermínio de razas e culturas. Non é de estrañar que escollese como referente da sua identidade histórica o mito das cruzadas. Á de expulsión dos mouros seguiu a de civilización dos índios. Non rematou coa de 1936, que tivo en Franco o seu cruzado maior. O señor Aznar está recrutando mesnadas para salvar da profanación as relíquias de Isabel, entronizada nos anais co apelativo de Católica.
Troco de ritmo. Non sei en que medida me está permitido introducir unha suxestión que pode alterar a estrutura interna deste discurso. Quizais fose por carecer de reflexos suficientes para apresentá-la no momento oportuno como proposta de resolución. Estou-me a referir ao noso compromiso co idioma, nunha vertente que en min comeza a ser obsesiva preocupación. Ninguén dubida da fidelidade da militáncia á obriga contraída na defensa da língua nacional, tanto no plano teórico como no terreno prático. Forma parte dos princípios teóricos e das liñas programáticas do nacionalismo. Non está aqui o problema que me impulsa a traer a cuestión a esta tribuna. É o desleixo que algunhas veces se observa na sua utilización correcta como veículo principal de transmisión da nosa mensaxe. Segundo podedes comprobar, non son eu o modelo a seguir para levar a cabo a recomendación que vos quero suxerir. Pretendo desligar, doutra banda, o esmero no uso correcto do idioma da controvérsia que enfrontan alternativas normativas diferentes. O BNG ten definida a sua postura a este respeito, tomando como referente o tronco lingüístico no que o galego se enxerta, non a sintaxe nen o léxico poluídos polo español durante os séculos nos que foi excluído como instrumento de expresión cultural. Por fortuna, á diferenza doutras línguas sen normalizar, conta a nosa coa aportación do portugués para adaptar-se mellor ás necesidades de modernización sen perder a sua identidade.
Somos unha nación, e seguiremo-lo sendo se conservamos e preservamos a nosa maneira de falar. Daí que a cuestión idiomática non sexa para nós acidental. Houbo etapas nas que resultaban de obrigada leitura o “Sempre en Galiza” e os clásicos marxistas. Son necesários tamén os libros de Gramática, sobretodo na biblioteca dos militantes que pola sua función libran a batalla política coas armas da palabra. De Castelar a Vázquez de Mella, nengun tribuno arengou no “sermo vulgaris” nen nas formas dialectais do lugar da sua orixe. O domínio do idioma non se presupón por traé-lo na boca desde o berce. Os nenos de Castela aperfeizoan na escola o uso do español. Se isto se fai en situacións normalizadas, que non diremos cando a dignificación da língua é presuposto para a dignificación do povo? Van-na dignificar, acaso, quen a perseguiu en tempos, quen desertou dela, quen a reserva para actos rituais, igual que o señorito de cidade que decora a vivenda con forcados de pau e gramalleiras? A isto se reduz o bilingüísmo harmónico. Por experiéncia comprobei que os esforzos no uso correcto do galego, mesmo na linguaxe coloquial, son proporcionais ao nível de identificación co proxecto nacionalista. Caberia interpretar, portanto, que a despreocupación neste terreno se corresponde-se cunha maior febleza ideolóxica.
En derradeiro lugar, unha discrepáncia. Unha discrepáncia matizada, claro está. Durante o proceso congresual, o Comité Central anterior admitiu a suxestión, procedente da zona de Pontevedra, de editar un libro no que se recolla o pasado do noso Partido e a sua vixéncia como instrumento necesário do nacionalismo. Algo disto incluímos nas teses que vimos de aprobar. É ben certo que o papel xogado pola UPG resultou decisivo na actualización dos postulados defendidos polo galeguismo histórico, afirmación que non implica menosprezo das valiosas aportacións dos diferentes colectivos e individualidades que integran a organización unitária do BNG. Algun mérito haberá que atribuir-lle na criación e consolidación do sindicalismo nacionalista, do sindicalismo agrário, da frente estudantil, da promoción de plataformas culturais desde unha perspectiva patriótica. Alguén me contou este verán que nunha cea comemorativa celebrada en Santiago, algun dos comensais, na actualidade disidente, tomou a palabra para recoñecer sen vergoña a paternidade da UPG na incorporación á loita política da maioria dos ali presentes, á marxe de teren desertado da sua disciplina partidária. É un recoñecimento que non por merecido deixa de ser gratificante. Viu cumpridas as suas aspiracións de rematar o proceso de unificación nacionalista, na dirección aprobada no Congreso de 1982. O que é história, para ben e para mal, deixa de ser interpretación subxectiva e deformada da realidade. Asumimos tamén, como non podia ser menos, os erros cometidos. Quen por medo a trompicar renúncia a facer a viaxe nunca chegará ao ponto de destino.
Agora ben, velaqui o motivo da miña discrepáncia. Facer história significa redixir para o futuro as actas do pasado, dando a sesión por concluída. Arrepia-me que asi se puidese interpretar, mesmo que para alguén coma min, nun tramo avanzado do seu ciclo vital, representase un galano pola estaxe percorrida. Non ollemos para atrás. Hai por diante terras a ermo que decruar. Afirmei antes que na nosa axenda fican ainda páxinas en branco para os capítulos que lle debemos engadir. A sesión non rematou. Quedan moitos debates e moita história que escreber. Non hai motivo para pormos ponto final á nosa empresa contando co alento das novas xeracións que con garantias de éxito se incorporan ao proxecto. Como sol da mañanciña abrolla no horizonte nunha mocidade responsábel, e reconfortante para os que xa nos atopamos no solpór. Non deixemos o camiño a meio andar, pois a loita, sendo espiñenta, permite divisar raiolas de esperanza. Finalmente, sexamos conscientes de que o fortalecimento da UPG seria inútil se non redundase en benefício da alternativa política que o BNG representa. Se para isto fose preciso, a UPG estaria inclusive disposta á própria imolación.
Viva Galiza ceibe e popular!
BAUTISTA ÁLVAREZ DOMÍNGUEZ,
Presidente da Unión do Povo Galego
_O nacionalismo galego nos anos da Transición
Bautista Álvarez
O rexime franquista, iniciado co levantamento militar de 1936, representaba a violación da lexitimidade constitucional e democrática instaurada pola II República Española. No decorrer de catro décadas de ditadura, o panorama político internacional sofrera unha profunda transformación. A segunda guerra mundial derrubara os referentes fascistas na Europa de Hitler e Mussolini. Consolidaranse alternativas socialistas en boa parte do vello continente. Moitas colónias de antigos impérios culminaran procesos de emancipación. Movimentos revolucionários en Ásia, África e América Latina mudaron ou puñan en perigo o sistema económico imperante. A “Revolución dos Cravos” inumara en Portugal o Estado Novo de Salazar, deixando Franco na soidade política e mesmo inspirando axitacións de rebeldia na inquebrantábel fidelidade dos cuarteis.
A “guerra fria”, que trocara o isolamento diplomático, coa retirada de embaixadas en Madrid, polo apoio á ditadura, dificultando deste xeito as posibilidades de éxito dunha revolta iniciada no interior, non acreditaba xa na sua eficácia para combater o socialismo. A vellice do “Caudillo” acurtaba os prazos para a reforma do modelo. Unha nova xeira inicia-se asi nesa longa e relantizada agonia que rematou o 20 de novembro de 1975. Á marxe de minorias teimudas en blindar as eséncias do “movimento nacional”, os herdeiros do legado franquista, ben aconsellados polos seus valedores nas poténcias estranxeiras, son conscientes da necesidade de reformar o rexime para manter os mesmos poderes e os mesmos obxectivos. Serán estes os que protagonicen e conduzan o proceso de transición iniciado por Suárez.
Doutra banda, os sectores políticos derrotados no 36, desbotada a posibilidade de restaurar a democracia recuperando as instituizóns da República, optan por unha alternativa de ruptura, abrindo un proceso constituinte no que o povo definise a forma de Estado. Pola opción da ruptura democrática estaban en princípio as correntes ideolóxicas que durante a ditadura foran oposición activa ou silenciosa. Esta postura, máis radical, pouco durou, pois a esquerda española capitulou axiña á reforma imposta desde unha Administración controlada polo aparato franquista. Significativa resulta a peculariedade de elaboración da Constituizón en vigor, na que as Cortes lexislativas trucaron o proceso usurpando o papel das Cortes constituintes.
Definido o marco no que deu a transición, compre analisar agora a posición do nacionalismo galego neste proceso. Seria un erro vincular a perda dos direitos nacionais á desaparición do Estado formalmente democrático ainda que a represión dos mesmos sexa máis virulenta nas fases de governos totalitários. É xusto recoñecer o mérito das duas Repúblicas en asumiren o debate do problema das nacionalidades, apesar de adiaren a sua solución con medidas descentralizadoras discutíbeis e pouco satisfatórias. Pero debemos ter claro tamén que a restauración da democracia na Galiza pasa pola reformulación do Estado e non só do rexime. Oportuno lembrar, a este respeito, a teoria que distingue entre sistemas e reximes, evidenciando a imposibilidade de coexisténcia de reximes democráticos con sistemas opresores.
Estas análises definiron a liña seguida polo nacionalismo organizado na sua aportación ao proceso abortado de ruptura democrática. Máis claramente, exixindo o recoñecimento dos direitos nacionais como base do marco xurídico estatal. No Consello de Forzas Políticas Galegas participaron os partidos con existéncia política no momento da transición: UPG, PSG, o desaparecido Partido Galego Social-Demócrata, aderindo-se á plataforma duas formacións que naquela altura mantiñan posturas vacilantes a respeito do problema nacional (MCG e Partido Carlista). Á diferenza dos nacionalismos vasco e catalán, que ou ben se movian nun plano cerrado de independentismo radical ou reducian as suas demandas á reposición dos respectivos Estatutos, foi o galego o único que aportou unha alternativa concreta o suficientemente perfilada para a participación da Galiza nun Estado de estrutura federal. Sen retornar ao camiño que o galeguismo xa percorrera antes do 36, trataba-se de avanzar no proceso pondo as bases que permitisen o exercício da soberania nacional. Despois de cuarenta anos significaria un retroceso reivindicar como meta de chegada o que para Castelao e Alexandre Bóveda representaba o ponto de partida.
As “Bases Constitucionais da Nación Galega” debuxaban un proxecto que visaba resolver as contradicións dun Estado plural na sua composición e unitário e centralizado no funcionamento administrativo. Coido que carece de valor enredar-se no debate de semántica xurídica clasificando o documento aportado polo nacionalismo galego no modelo federal ou confederal. Habia un deslinde bastante exaustivo de competéncias, reservando para Galiza aquelas que son imprescindíbeis para garantir o desenvolvimento do país e o exercício da soberania nacional, desde unha óptica que se achega á estratéxia contida na recente “Declaración de Barcelona”.
Con esta perspectiva concreta encaramos os nacionalistas a fase de transición, quer no contacto con forzas rupturistas do Estado, quer na movilización popular e na axitación política. A proclama de “Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais” foi a bandeira das manifestacións patrióticas, a mensaxe da campaña eleitoral do 77, o critério que definiu a nosa posición a respeito do proceso constituinte español. Se no 1936 a defesa do Estatuto trazara a liña divisória que separaba o galeguismo do españolismo, a esquerda da direita, a etapa que analisamos hoxe caracterizou-se por agrupar os partidos españois, prescindindo da sua filiación ideolóxica, nunha alianza autonomista fronte á demanda de soberania promovida polo nacionalismo. A celebración do “Dia da Pátria” do 1978 resulta esclarecedora desta división. Significativa foi, na praza do Obradoiro, a concentración convocada a nível institucional como réplica á movilización da Quintana, a das Arengas e reivindicacións patrióticas. Nesa mesma dirección ia a manifestación que en Decembro do 77 reunira en Vigo militantes da UCD, do PSOE e do Partido Comunista, mal disimulada a auséncia nacionalista no repentino fervor estatutário coa presenza de figuras ainda invernadas do galeguismo histórico. Esta polarización mostrou-se aqui máis decantada que noutras partes con problemas nacionais. Foi a de Vigo unha paródia con interpretación folclórica da que con anterioridade tivera lugar en Barcelona, de claro conteúdo rupturista, na que os manifestantes desfilaron co lema unitário de “Llibertat, aministia i Estatut de Autonomia”. A direita condicionou a sua participación na do 4 de Decembro exixindo unha movilización silenciosa que a deixase a salvo de actitudes pouco respeitosas cos obxectivos da reforma.
As posibilidades de ruptura democrática foron esvaecendo-se na medida en que os partidos españois se integraron na alternativa defendida por Suárez, nun proceso que se inicia coas eleizóns do 77 e continua coa elaboración e referendo da Constituizón actual, filla esta dunha situación política que mantiña intactos os princípios e o aparato administrativo do franquismo. Teñamos presente os atrancos de participación na primeira convocatória eleitoral de partidos que demoraran a sua le